Tuesday 17 de September de 2024

O PSOE rexeita que o Pazo dos Serrano sexa un parque público, coa complicidade do PP


● Os sete votos de PSOE serven para rexeitar a moción do BNG para protexer o Pazo dos Serrano fronte á especulación inmobiliaria.

● Máis unha vez, a abstención cómplice do PP, permite ao goberno municipal continuar co seu plan para urbanizar os terreos.

O PSOE de Culleredo, a pesar da ausencia do alcalde, opúxose cos seus sete votos á moción do BNG que procuraba protexer o Pazo dos Serrano, en Vilaboa, fronte ao Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que tramita o Concello a iniciativa de Aliseda, inmobiliaria propiedade da multinacional Blackstone e do Banco Santander, no Pleno Municipal celebrado o 12 de setembro. A abstención cómplice do Partido Popular permitirá ao goberno municipal do PSOE continuar co seu plan para urbanizar os terreos en lugar de ser destinados a un parque público, tal e como se tiña acordado coa aprobación inicial do novo PXOM en 2013.

Os cinco votos de BNG e Alternativa dos Veciños non foron abondos para sacar adiante a proposta, que incluía a emenda deste último grupo, para engadir os preceptivos informes de viabilidade xurídica, aceptada polo grupo nacionalista. Unha vez máis, o Partido Popular de Culleredo reitera o seu apoio ao goberno de José Ramón Riobóo, e evidencia as consecuencias que o seu pacto encuberto ten para a veciñanza de Culleredo.

O Partido Popular permite así ao goberno municipal continuar avanzando co Plan Especial de Reforma Interior (PERI) das Unidades de Actuación 58 e 59, en Vilaboa, nas que se integra o Pazo dos Serrano, que a Xunta de Goberno Local, conformada unicamente polo equipo de goberno, aprobou inicialmente o 11 de decembro de 2023. O PERI elimina a maior parte do conxunto do Pazo para ser ocupada con edificacións que desfiguran a tipoloxía das edificacións existentes, alterando gravemente o conxunto histórico que conforma o núcleo do Souto. O PERI aprobado inicialmente contradí o proxecto de PXOM aprobado inicialmente por acordo plenario no ano 2013, o cal prevé a protección do conxunto do Pazo dos Serrano e o seu destino ao Sistema Xeral de Equipamentos públicos.
Non son estas apreciacións propias nin únicas deste Grupo Municipal ou da veciñanza sensibilizada coa protección do patrimonio, mais tamén veñen recollidas a través de diferentes referencias legais que implican a protección deste conxunto, tales como a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, ou o Decreto 110/2014, de delimitación do Camiño de Santiago Inglés.

O Pazo dos Serrano, como é coñecido popularmente pola veciñanza de Vilaboa, ou Villa Celina, é un conxunto patrimonial que conforma o eixo central do Souto, un dos núcleos históricos da parroquia de Rutis. Un conxunto perfectamente delimitado e indivisíbel que integra un edificio residencial, unha capela e incluso unha árbore senlleira, así catalogada pola Xunta de Galiza. Todo o conxunto representa un patrimonio que debe ser protexido e posto en valor, non só pola súa propia singularidade, máis tamén pola parte integral que supón do núcleo poboacional do que forma parte, cunhas características únicas no noso concello.

Deja un comentario